Thursday 25 de April de 2024

Zonas verdes, mellora de parques infantís e superficies deportivas e novos carrís bici centran as 22 propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos


A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou a participación dos cidadáns, que por primeira vez puideron votar en urna, para propoñer e escoller investimentos por valor de 2,5 millóns de euros

O Concello da Coruña executará coa aprobación do orzamento do vindeiro ano un total de 22 investimentos propostos e elixidos directamente polos cidadáns. Esta semana pechouse a fase final do programa de Orzamentos Participativos, unha fase á que chegaron 55 propostas que pasaron as fases previas. Un total de 4.552 cidadáns votaron nos distintos procesos ata chegar ao resultado final. Este ano, como novidade, abriuse a posibilidade de votar en urna (ata agora o proceso era unicamente
telemático), posibilidade a que se acolleron o 12% dos votantes.

Coa aprobación dos orzamentos do 2022 o Concello destinará 2,5 millóns de euros de investimentos a materializar as propostas achegadas nos Orzamentos Participativos, que apostaron este ano maioritariamente pola ampliación de zonas verdes, melloras en parques infantís e en superficies deportivas e ampliación das plataformas de mobilidade alternativa ao coche.

“Propuxémonos facer a participación máis accesible á cidadanía para que a fenda dixital non impedise ás veciñas e veciños dar a súa opinión, e a votación en urna foi un éxito”, indicou a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. “Grazas á gran cantidade de propostas recibidas, o maior número desde que existe o programa, os 22 proxectos gañadores enriquecerán o modelo de cidade que defende Inés Rey”, aseverou. Nesta ocasión, o número de propostas presentadas inicialmente polos cidadáns foi de 733, un 21% máis que na anterior edición dos Orzamentos Participativos.

Os cidadáns puideron escoller proxectos a aplicar no ámbito de toda a cidade por valor de un millón de euros. Ademais, escolléronse tamén proxectos por valor de 150.000 euros para cada un dos 10 distritos da cidade, con dous proxectos a maiores para aproveitar os remanentes orzamentarios.